Tuesday 30 de April de 2024

O goberno municipal continúa na procura dunha solución ao estado dos vestiarios do peirao comercial


O alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira Patricia Lojo mantiveron na tarde deste mércores 30 unha reunión cunha representación do PSdeG-PSOE no Parlamento galego: Patricia Otero Rodríguez, voceira de Pesca; Julio Torrado Quintela, voceiro de Marisqueo; e Noa Díaz Varela, deputada autonómica pola provincia da Coruña. A motivación desta reunión foi dar traslado ao Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE do estado no que se atopan os vestiarios do peirao comercial, os cales son empregados polas persoas traballadoras das consignatarias.
En consecuencia, primeiramente mantívose un encontro na casa do concello para debullar máis polo miúdo a situación das referidas instalacións, así como da reversión dos terreos, a cal se traduciu en que as pistas, o parque do Castelo e a praza Alcalde Segundo Durán sexan de titularidade municipal, mentres que onde se atopa a sede do club de remo, os Xardíns de Valle-Inclán, o CAD, o EEI Fernández Varela, o Centro Social e o edificio do Mercado Municipal están en solo de Portos de Galicia.
A continuación, desprazáronse ata os propios vestiarios para ver in situ as condicións nas que se atopan e un traballador dunha das consignatarias encargouse de ensinarlles o lugar, ademais de explicar ao que se teñen que enfrontar como persoas empregadas usuarias dos espazos.
Tanto o rexedor coma a edil expresaron o seu agradecemento pola visita dos parlamentarios e o seu interese en buscar unha solución ás demandas anteriormente referidas. O mandatario local fixo fincapé en que, ademais dos vestiarios, "temos varios problemas que tratar como ben quedou reflexado hoxe na reunión e iremos avanzando na solución.”Tamén apuntou que o das dependencias “é un problema que xa é coñecido no pobo e que xa leva demasiado tempo afectando a cidadáns do noso concello e de fóra, que son os estibadores do porto e que teñen uns vestiarios que están nunhas condicións lamentables e nunhas condicións hixiénicas penosas, onde non é admisible que se poda desenvolver hoxe unha actividade." Engadiu que saben da existencia dun proxecto para a construción duns novos, con dúas alternativas que, segundo expuxo, “levan demasiado sobre a mesa e hai que tomar unha resolución definitiva”, ademais de manifestar que entenden que “debe de haber unha achega máis importante por parte da entidade portuaria, que esas taxas non poden ser tan elevadas e que ten que darse ese servizo de maneira inmediata.”Concluíu a súa intervención asegurando que o Concello estará vixiante sobre este asunto.
En representación da delegación do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE que se desprazou ata o municipio, o voceiro de Marisqueo, Julio Torrado Quintela, sinalou que “o porto para A Pobra é un elemento fundamental, imprescindible para a economía, vida social e a vida desta poboación" e que a cuestión para tratar “ten tamén que ver coa dignidade dos traballadores, pois hai uns vestiarios
indecentes, unhas instalacións que non son axeitadas, que non poderían ser aceptadas e que, hoxe en día, están sendo obrigadas por parte da Xunta de Galicia a que sexan utilizadas por traballadores cando non debera de ser así” ao tempo que indicou que a Administración autonómica "ten que facilitar o traballo que se desenvolve nas súas instalacións." Neste senso, anunciou que levarán ao Parlamento galego unha serie de iniciativas nas que preguntarán a Portos de Galicia “por que non dá acometido esas reformas, preguntaremos tamén polas condicións específicas do proxecto, abordando tamén a súa licitación e o seu orzamento, e a posición final sobre as melloras que son necesarias no porto.”
Cómpre lembrar que o alcalde mantivo unha reunión dúas semanas atrás con representantes de Consignaciones Barbanza, Consignaciones Puebla e Consignaciones Luis Martinez para aborda-la situación. Ademais, amosou o apoio do goberno municipal ás demandas das empresas consignatarias e
ofreceuse a mediar no asunto, na procura dunha solución nun curto prazo. De feito, o mandatario local xa se achegara ata as referidas dependencias a principios de setembro durante a visita da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, á localidade.